(Artigo publicado no xornal "El Progreso" o 22 de Abril do 2017)
Dezanove anos despois da norte de Ramón Sampedro, que supuxo no seu momento un forte alegato a favor da dispoñibilidade da propia vida, poucas cousas mudaron na complexa cuestión da eutanasia.
Desde o punto de vista médico, o consentimento
informado (CI) e as declaracións de vontades anticipadas ou instrucións previas
(os DVAs) xurdiron nestes últimos anos co fin de introducir un serio correctivo
ao paternalismo médico. O CI e os DVAs representan a materialización do
principio de autonomía do paciente ao contar coa súa liberdade de decisión
antes de iniciar un tratamento médico e antes de decidir se se mantén “ad
infinitum”. O avance que supoñen é limitado ao correr o risco de dexenerar en
prácticas burocráticas no canto de buscar o recoñecemento da autonomía e
dignidade do enfermo e a mellora da relación médico-paciente. Ademais, ao non
aceptar “vontades que incorporen previsións contrarias ao ordenamento xurídico”
e ao excluír instrucións contrarias á “boa praxe médica”, só serían admisibles
as peticións de desconexión ou de paliación-sedación na agonía pero nunca
aquelas condutas directamente encamiñadas a anticipar a morte do paciente en
estado terminal ou sufrindo unha enfermidade dexenerativa irreversible. E non
supoñen ningún avance xa que son situacións contempladas hai décadas na Lei
Xeral de Sanidade e no Código deontolóxico médico.