miércoles, 4 de diciembre de 2013

O DEBATE ACTUAL SOBRE A EUTANASIA



 
O debate sobre a eutanasia voluntaria e a axuda activa ao suicidio sitúase entre dous principios éticos referenciais: o paternalismo e a autonomía. O paternalismo baséase na idea de que un determinado incremento da liberdade pode xerar comportamentos sociais que excedan o bo uso desta e sostén que é correcto vulnerar a autonomía dunha persoa no seu beneficio. Así, a esencia do paternalismo consiste en desprazar a autonomía apoiándose en principios de beneficencia ("eu sei mellor ca vostede o que lle convén") de modo que, en ocasións, pretende preservar a saúde física dos individuos desoíndo as súas decisións mesmo cando son claramente autónomas. Con outras palabras: o paternalismo leva implícita a limitación da liberdade doutra persoa en razón do seu propio benestar, sendo o paternalismo médico un exemplo do control que se exerce sobre a vida dos enfermos, presumiblemente no seu interese, e asumindo como premisa implícita a “autoridade epistémica” do médico, quen, en tanto que autoridade científica "sabe mellor que ninguén que é o mellor para o paciente". O paternalismo non parece correctamente aplicable na eutanasia voluntaria, isto é, cando o enfermo reclama a morte, xa que se o paternalismo permite desprazar a autonomía dunha persoa cando o resultado é beneficioso para ela, non se observa que beneficio podería alcanzar un paciente clinicamente desafiuzado ao manterse con vida cando asegura que a morte é unha liberación para el.
Actualmente asúmese que a autonomía individual do paciente debe ser tida en conta na toma de decisións acerca dos tratamentos médicos en situacións de enfermidade terminal. Por iso o "consentimento informado" e as "vontades anticipadas" xurdiron nestes tempos como un serio correctivo ao paternalismo médico e a autoridade epistémica do médico. O principio de autonomía recoñece no ser humano a capacidade de decidir sobre a súa vida, de levar a cabo o seu proxecto de vida sempre que non dane a terceiras persoas ou á sociedade no seu conxunto. O dano a un mesmo, como sinalaba o filósofo J. Stuart Mill, non debera ser motivo para coartar a liberdade dunha persoa nin para restrinxir o seu proxecto vital.
 
       O principio de autonomía é o mellor situado no debate sobre a eutanasia voluntaria xa que, se entendemos por autonomía a capacidade de elixir entre distintos plans de vida que non danen a terceiras persoas, unha sociedade liberal debera garantir que os seus cidadáns adopten decisións sobre o seu futuro e que estas poidan ser levadas á práctica dun modo efectivo. Certo é que convén propoñer proxectos alternativos de vida e paliar o sufrimento dun enfermo que se encontre nunha situación médica difícil, persuadíndoo de que, probablemente, a morte non sexa unha solución acertada. Non obstante, cando este modo de proceder fracasa, parece inxustificable non só que non se respecte a capacidade de elixir e decidir sobre a súa morte senón tamén que o Estado e as súas institucións non ofrezan unha protección xurídica ás persoas que o axuden a morrer.
(Artigo publicado en El Progreso o 2-XII-2013)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario