miércoles, 29 de abril de 2015

“LOMCE, FILOSOFÍA E (DES)EDUCACIÓN”

O Anteproxecto de Decreto polo que se establece o Currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia elimina tres das catro materias que viñan compoñendo o ciclo completo dos estudos de Filosofía na ESO (a “Educación para a Cidadanía de 2º da ESO, a “Educación Ético-Cívica” de 4º da ESO, e a “Historia da Filosofía de 2º de BAC) deixando só una materia obrigatoria (a “Filosofía” de 1º de BAC, e con duas horas lectivas semanais) o que supón una redución do 75% do currículo de Filosofía. Esta merma no currículo minguará a capacitación do alumnado galego para afrontar a proba de reválida establecida polo Ministerio de Educación e Ciencia para todo o estado español, entre outras razóns porque na maioría das restantes Comunidades Autónomas a carga horaria semanal será de tres ou incluso catro horas semanais, manténdose inalterable o conxunto de estándares de aprendizaxe que constitúen o perfil de área da materia de Filosofía (incluso ampliando ditos estándares con respecto áos existentes na actual LOE).
        Por outra banda, dito Anteproxecto reduce a Historia da Filosofía de 2º de BAC a un mero ornamento educativo e formativo converténdoa nunha materia optativa, meramente discrecional para o alumnado galego, e situándoa dentro dun entorno de opcionalidade irrealizable. Novamente, tamén cómpre dicilo, sufrindo un forte agravio comparativo con respecto a outras Comunidades Autónomas nas que mantén un rango de materia específica obrigatoria cunha carga de tres horas lectivas semanas.
        Semellante amputación dos estudos de Filosofía e Ética provoca, canto menos, estupor, indignación e vergoña. Relegar á Filosofía á dubidosa categoría de asignatura banal, marxinal e irrelevante contradí clamorosamente a Declaración da ONU do ano 1948 na que proclamaba que "a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos ou relixiosos... ". Neste sentido, pódese dicir que a política educativa (o "espírito" que subxace no Anteproxecto) contravén claramente o acordado pola ONU e demais organismos supranacionais que defenden e proclaman a necesidade de reforzar as humanidades en xeral -e a Filosofía en particular- co fin de que os futuros cidadáns reciban unha educación en valores que contemple a solidariedade, a paz, o respecto polos dereitos humanos e que poidan despregar o seu potencial intelectual, emocional, social e crítico.
O saber filosófico é patrimonio da humanidade. Conmove ler os diálogos de Platón cando, ao fío dos problemas sobre a xustiza, a beleza ou a educación desenvolvía todo un instrumental teórico cuxa finalidade última era o despregamento do coñecemento para facer da vida humana unha vida máis digna en todos os sentidos. Inquieta lembrar como Ortega y Gasset, intentando comprender os motivos fundamentais da profunda crise política e social que asaltaba ás sociedades europeas durante o primeiro terzo do século XX concluíu, no seu ensaio "A rebelión das masas", que "o bárbaro actual", aquel baixo o que se esborrallaba a civilización europea, era o especialista, o que perdera a noción dun saber que superase as fronteiras do coñecemento monomaníaco dunha pequena porción da realidade; aquel que perdera o interese pola "cultura xeral" conformada por distintos saberes. É ese "bárbaro especialista" o obxectivo explícito que da educación teñen determinados políticos. Un "bárbaro especialista" sumido no acriticismo dogmático, unha "máquina utilitaria" (en palabras de Marta Nussbaum) manexable e incapaz de achar respostas ás incertezas dunha sociedade tan complexa e global como a actual.
A extinción da Filosofía implica o descoñecemento da orixe da cultura occidental, leva consigo un desprezo das virtudes cívicas, a deterioración do pensamento crítico e a renuncia á excelencia académica. Tomemos nota.

(Artigo publicado no xornal "El Progreso" o 25 de Abril de 2015)

No hay comentarios:

Publicar un comentario